Observamos nestes anos que esta escena alternativa non pertencía só ao novo panorama musical galego se non que se estaba a constituír como un auténtico movemento cultural, afectanto a todos os eidos creativos. Xorde así o Mercado das Sementes como un espazo de recoñecemento e intercambio destas novas experiencias.
A comezos do século XX acontecía na mesma praza da Madalena un mercado na época da sementeira na que as veciñas e veciños ían mercar sementes para as novas colleitas. Cen anos despois rescatamos esta tradición do esquecemento actualizándoa.
O Mercado das Sementes é pois unha experiencia cultural máis na que se mostran tanto os traballos creativos das novas creadoras como novas empresas de emprendemento cultural e social, todas elas novas sementes das que está a gromar a cultura galega do século XXI. Neste mercado téñense amosado traballos que van dende a ilustración, o fanzine, a fotografía, editoras indepententes, novos selos discográficos, moda, xoiería, até ONG’s de acción local.