Graffiti + Viño

Graffiti+Viño é unha actividade que estivo moito tempo nas cabezas pensantes de varios membros da asociación Arteficial. Este proxecto único no Estado español, finalmente viu a luz no ano 2014.  A actividade tiña por obxectivo principal unir a arte coa cultura do viño, e consistía en traer a tres artistas do graffiti a tres adegas do Ribeiro e que unha vez que se coñeceran plasmar cadansúa obra en tres paneis formados por estoxos de botellas de viño de madeira. As obras realizáronse en directo na feira de Castrelo de Miño e o resultado foron tres edicións especiais de viño que permitían ao público levarse para casa un anaco do graffiti.

Graffiti+Viño foi un proxecto longo, con diferentes fases, pero que nos aportou infinidade de cousas boas.

A primeira, coñecernos como equipo. Dá gusto ver como a xente disfruta traballando colectivamente, pero sobre todo de maneira voluntaria. Traballar para nós, para facer cousas que nos ilusionen e emocionen e por AMOR á ARTE.

Por outra banda encantounos coñecer a Alfredo (Adega Pousadoiro), a Magda (Adegas Aurea Lux), e a Antón (Adega Alecrín). Gracias por abrirnos as portas das vosas adegas e deixarnos pasar até a cociña. Ós poucos, a cultura do viño vai tendo menos segredos para nós ?

E o que foi un pracer tremendo foi coñecer ós artistas Mon, Asten e NO3L, e velos traballar “en vivo e en directo”. Un luxazo.

Aquí unha mostra do que foi o proxecto ao completo: