Somos Arteficial

ARTEFICIAL é unha asociación sen ánimo de lucro formada por un grupo de mozas e mozos da comarca do Ribeiro. 

Nace no ano 2006 co obxectivo de potenciar novas actividades e mesturar diversas formas de expresión cultural alternativas, dende unha postura contemporánea e innovadora, atendendo á demanda da xuventude da nosa contorna pero cun enfoque interxeracional na programación.

Nas nosas accións tratamos de poñer en valor o noso rural, revalorizando o conxunto histórico de Ribadavia e o noso patrimonio en xeral tratando de establecer sinerxías con diferentes colectivos e con artistas e activistas do país veciño, Portugal. 

A nosa gran actividade é o Festival Arteficial pero durante o ano, ademais de quedar moito para organizar este sarao, organizamos outras actividades, como foi no ano 2021 o Convivio, no 2022 o Malgosto e no 2023 o Laboratorio Sonoro.

 #AMúsicaNonPodeNonSer

1- Pola súa situación: O Ribeiro, comarca chea de historia e riqueza natural. Termalismo, arquitectura, enoturismo, paisaxe, etc. A súa capital, Ribadavia, ofrece un amplo abano de posibilidades. Situada entre Vigo e Ourense, a distancia adecuada das dúas cidades, fai que sexa moi doado chegar ata ela e, polo tanto, un lugar ideal no que levar a cabo este festival que busca que se achegue xente dende todas as partes de Galiza e Portugal a gozalo.

2. Polo seu formato: ao redor das actuacións musicais teñen lugar outras actividades que veñen a contribuir ao formato de festival cultural que queremos construír. Actividades como exposicións plásticas, recuncho pra crianzas, mercado das sementes.

3. Polas bandas: os grupos que achegamos ata Ribadavia sáense do ciurcuíto habitual de festivais galegos. Se ben hoxe en día xa existe unha rede consolidada na Galiza para o tipo de bandas que programamos podemos afirmar que Arteficial foi un dos pioneiros nunha aposta firme por este tipo de escena.

4. Pola súa equipa de produción: Arteficial é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por mozas e mozos do Ribeiro que apostan pola comarca e polo seu desenvolvemento cultural, económico e social. Malia ser un traballo voluntario a produción do festival foi adquirindo ao longo dos anos un carácter profesional que se plasma no resultado e na satisfacción das e dos asistentes e das bandas participantes.